Lendas Lenda de Santa Plácida


Lenda de Santa Plácida
Lenda de Santa Plácida
Lenda de Santa Plácida

Descripción


Nesta Bisbarra existen tres santos que gozan de gran veneración por conservarse os seus restos enteiros ou incorruptos: San Fidel de Carril, San Xusto de Bemil e Santa Prácida de Rubiáns.

A realidade do estado en que se atopan estes corpos non se debe a que fosen momificados ou estean os seus corpos incorruptos, a verdade é que se debe a unha moda que se estendeu por toda a cristiandade; cando se descubriron as catacumbas de Roma, recollíanse os ósos dos santos e cubríanse con pel ou con cera para darlles máis realismo, e deste xeito inspirar máis piedade aos seus devotos. Tal chegou a ser a importancia deste feito que en Roma existían talleres especializados nestes labores.

As catacumbas e todo o que elas contiñan eran e son propiedade do Vaticano, así que en certas ocasións en que os Papas se encontraban en débeda con algunha persoa podían regalar estas reliquias. Deseguido, o novo dono acudía con elas a algún dos mestres do taller quen conseguía, mediante distintas técnicas, volver dar aspecto humano a aqueles ósos inertes, caracterizando os distintos santos segundo as súas características máis sagradas como rezaba a tradición.

Deste xeito, San Fidel aparecía vestido de guerreiro, San Xusto é un neno e Santa Prácida unha doncela que leva a palma do martirio. As figuras eran gardadas en urnas de cristal e despois eran expostas ao público en Igrexas ou Capelas para a súa veneración. Esta práctica mantívose en Occidente ata ben entrado o século XIX, repartíndose, desta forma, centos de santos por toda Europa.

Este foi o proceso de chegada de Santa Prácida. Máis concretamente, os seus ósos foron exhumados da Catacumba romana de Santa Inés, cara ao ano 1804. Tras acomodalos nunha figura de pasta, viaxan de Roma ata Cádiz e dende alí, en 1805 son enviados a Rubiáns por Don Bieito Quintana. Esta é a verdadeira historia de Santa Prácida, non obstante, o fervor e a imaxinación popular nalgunhas ocasións enriquecen as historias para recrear as lendas, no caso de Santa Prácida a lenda popular di así:

Plácida era unha rapaza que vivía pola zona. Un día que estaba a fiar na rocha á porta da súa casa, pasou por alí un forasteiro que se namorou dela. O cabaleiro pediulle que se fose con el, pero a rapaza negouse. Entón, o home raptouna, levouna ao monte e intentou forzala. A moza resistiuse e el matouna nervoso polo seu crime, tapou o corpo cunhas ramas e intentou esquecer o seu delito.

Xusto ao pasar un ano do crime, cruzou polo lugar un carreteiro e os seus bois paráronse, negándose a seguir andando. Por máis que o carreteiro lles picaba coa aguilloada, non conseguía que se movesen, polo que o carreteiro desconfiou e sospeitou que algo estraño pasaba naquel sitio. Comezou a buscar polos arredores e cal foi o seu asombro ao atopar a rapaza morta, co seu corpo incorrupto.

A noticia correu rapidamente por todo o lugar e ata alí achegouse o bispo que decidiu construír nese mesmo sitio unha capela, na que ata hoxe en día se encontran os restos da Santa. Do cabaleiro autor do crime dise que a súa alma está condenada a vagar por este mundo e que todos os anos pola festa de Santa Prácida se achega ata a capela para implorar o perdón da Santa e esta contéstalle:

"Marcha de aí,cabaleiro, que de min fixeches talleiro".

Esta lenda é en realidade unha copia adaptada da Lenda portuguesa de Santa Irene.

Tamén con Santa Prácida se repite un feito, segundo conta a tradición popular, que acontece con algúns outros Santos momificados aos cales lles medran o pelo, as uñas...

Comparte y valora


O Salnés a medida


Estanea este código e engade esta páxina os teus favoritos para acceder de meneira rápida