
Descripción
Entre os contos galegos hai tres personaxes que son os máis habituais: o demo, as fadas e o lobo.
Sobre este último, pola zona cóntanse varias historias, máis existe unha en concreto, que é extensible a toda Galicia, pero da que só se ten constancia polos libros. Nós, aquí, témola constatada como real: "como espantar ao lobo se te encontras con el no monte".
Deixemos que sexa o propio informante quen relate a súa historia:
"Empezaba o outono e ía eu por Xiabre adiante, alí por Fontefría. Estaba cun saco apañando nas castañas. Sen decatarme, fíxoseme de noite e tirei para a casa, cara a Carril. E de pronto, nunha curva que fai algo de baixada, encontreime cun lobo enorme; abriu a boca e sentín como se me encrespaban os pelos, e vin como lle caía a baba por ambos os dous lados da boca. Eu dixen, ¡coidado!. Tirei o saco cheo de castañas e recordei o que me contara o meu pai, Se un día te encontras cun lobo.. ¡íspete!... porque un lobo se ve un home vestido, atácao pero, se o ve nu... escapa.
Eu collín e, a pesar do medo, espinme de todo. E iso que facía frío. Quedeime mirando para el, aos ollos e...increiblemente, escapou. Eu, cheo de medo, vestinme como puiden e funme para a casa. ¡Ah, pero antes recollín o saco de castañas, claro!.
E enlazando co mesmo relato, imos trasladarnos aos anos cincuenta e sesenta do pasado século. O lobo, agora especie case protexida, daquela era unha praga para as ovellas, galiñas, cabalos e vacas que vivían libres. No noso Concello mesmo, chegaron a facerse trampas para os lobos, pois os cazadores que había non os conseguían encontrar, por ser moi listo o bicho (o lobo). Pero, ¿En que consistían as trampas?
an varios homes a un monte por onde se tivese constancia que acudían os lobos. Facían un bo burato e no fondo poñían un cordeiro ou unha ovella atada polo pescozo. Todo arredor do burato distribuían cepos de ferro, dos que che atrapan e non te soltan. E arredor da trampa colocaban carteis avisando a xente que aquilo era unha trampa para o lobo.
Polo xeral, a xente non adoitaba acudir en "axuda" da ovella, pero o lobo, como nunca foi á escola, si. E alí quedaba atrapado.