Xardín Botánico


O Pazo da Saleta é un pazo de labranza galego do século XVIII ao redor do cal se proxecta un sorprendente xardín: “un dos xardíns privados máis importantes de España”, recoñecido así polo Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco. Deseñado en 1970 pola arquitecta paisaxísta, Brenda Colvin, posúe actualmente una das coleccións botánicas máis variadas de Galicia con especies de Australia, Nova Zelandia, Sudáfrica, Sudamérica, Estados Unidos, Asia... que se estenden ao longo de dúas hectáreas cun estilo tipicamente inglés e pintoresco -salvaxe, romántico e exuberante- que se integra á perfección na paisaxe de Galicia.

Membro da Ruta da Camelia desde o seu inicio, obtivo recentemente a categoría de Xardín de Excelencia Internacional, distinción outorgada pola prestixiosa International Camelia Society, grazas á notable colección que posúe desta flor oriental. Dita colección de camelias, así como a de distintas especies de todo o mundo é incrementada ano tras ano con moita ilusión para que o xardín siga vivo, en movemento e continua mellora, e siga sorprendendo ao público máis entendido en botánica pero tamén ao meramente afeccionado.

Aínda que o Pazo da Saleta é un pazo privado e o fogar da nosa familia, esta circunstancia non é óbice para que poidan vir visitalo durante todo o ano, previa cita coa suficiente antelación, e mesmo celebrar aquí eventos tranquilos acordes coa paz que se respira e o máximo respecto á Natureza.



Galería multimedia






Visita ao Pazo e ao Xardín Botánico
En que consiste a visita, duración e como se pode reservar.


Reservas

Parabéns! Xa está un pouco máis preto de coñecer un dos recunchos máis fermosos e segredos de Galicia: o Pazo da Saleta, un xardín de estilo inglés con especies de todo o mundo, aberto ao público desde o ano 1996, integrado na Ruta da Camelia desde a súa fundación e distinguido como “Xardín de Excelencia Internacional” pola International Camellia Society. Apetécelle coñecelo? Siga lendo, por favor!

A visita ao xardín é sempre guiada por nós, Branca e Silvia, as súas propietarias, e ten unha duración de dúas horas aproximadamente. Coñecerán o xardín botánico con especies de todo o mundo, a capela, o pombal e unha exposición permanente de artesanía na antiga adega do pazo.

A reserva para a visita guiada é absolutamente imprescindible e aconsellámoslle que a faga coa maior antelación posible, mínimo 24 horas antes, xa que o traballo do día seguinte planifícase con esa antelación e se non hai ningunha reserva previa, destinamos a xornada a mantemento do xardín e outras tarefas que nos impedirán atenderlle. É un xardín privado e tamén o noso fogar.

O xardín abre ao público só con devandita reserva previa, polas mañás en dous horarios, ás 9.45h e ás 12.30h, horario de comezo da visita guiada, de luns a domingo. Pedirémoslle cando nos chame ou escriba número de persoas, horario elixido e un teléfono móbil. Estes horarios poden ser modificados por circunstancias excepcionais por iso sempre é necesaria esa reserva previa.

Recursos relacionados